31/1/16

Os 1000 comentarios

Estamos de celebración, xa que por fin logramos os nosos primeiros mil comentarios. Ademais, coincidiu no tempo co Día da Paz, así que a nosa festa foi dobre. Desde aquí queremos agradecer a marabillosa colaboración familiar, como se pode ver neste primeiro vídeo no noso canal de YouTube

26/1/16

O Día da Paz

Nos outros blogs da Escola de Ismaíl podes atopar algunhas das actividades que fixemos para celebrar o Día Escolar da Non Violencia e a Paz, que se celebra cada 30 de xaneiro. Un día coma ese morreu unha persoa incrible que se chamaba Mahatma Gandhi, e que deberás investigar. Aqui tes unha mostra desas actividades, que xa están na memoria:

Como sabes, Nerea foi á biblioteca pública e trouxo un libro que contén unha fermosa historia, a de Azur e Asmar. Así que estará na nosa celebración para este día tan importante…

Preme aquí para ver a película.

24/1/16

Aquí cabemos todos

Aínda que no blog temos unha páxina que se titula Quen somos?, ás veces hai que repetir as cousas para que non se esquezan. Por iso, hoxe presentamos de novo aos verdadeiros protagonistas deste sitio. Sen eles, nada sería igual…

17/1/16

As cartografías para despois de ler

A cartografía é unha ciencia que se encarga da elaboración dos mapas. Pero aquí usamos esa palabra para falar dos libros, e que poden servir para recoñecer e comprender a estrutura da maioría dos relatos. Así, nesta cartografía imaxinaria para despois de ler estarán os seguintes artefactos: as galaxias de palabras, as estrelas das historias e, por último, os mapas dos libros, que adoptarán formas e maneiras marabillosas…

12/1/16

O piñeiro de Xosé Neira Vilas

Hai pouco que morreu o escritor galego Xosé Neira Vilas. O seu libro máis famoso titúlase Memorias dun neno labrego, que segue a ser moi lido tanto nas casas como nas escolas e institutos. Por iso xa leva milleiros de exemplares publicados, e incluso foi traducido a máis de trinta idiomas do mundo. Este escritor chegou a nós polo seu poema O piñeiro, que recitamos na clase...

Preme aquí para escoitar a poesía.

11/1/16

A casa das palabras

Algúns dos libros dos que falamos na clase foron citados pola poeta Marica Campo. A Ismaíl serviulle para lembrar que, no mundo de todas as palabras e de todas as linguas, ler é unha festa. Por iso, nun bonito debuxo de Érika podemos escoitar as nosas voces cos versos da súa poesía…

Quero unha casa branca
con mil xanelas
e debruzarme en todas
a ver a festa.
Quero esta casa branca
que son os libros
para vivir as cousas
que outros viviron.
Poderei ser Alicia,
cruzar o espello;
ir por todas os mares,
capitán Nemo.

Escoitar os Cantares
de Rosalía,
voar da Terra á Lúa,
volver no día.
A casa das palabras
ten mil xanelas,
cada xanela un conto,
ler é unha festa.

3/1/16

Ismaíl e os Reis Magos

Como ben é sabido, as terras de Oriente parecen máxicas. Alí naceron as fermosas historias que se recollen no libro titulado As mil e unha noites, e o lugar de Saidabad atopábase por alá.

Uxía é a autora deste bonito debuxo dixital. Pregúntase se Ismaíl non será parente dos famosos Reis Magos de Oriente, pero eu non o creo. Eses reis son moi antigos e a súa maxia é realmente moi poderosa, sobre todo na noite do 5 ao 6 de xaneiro…

Que teñades moita sorte! Ese o desexo de Ismaíl.