16/12/15

O Nadal en Saidabad

Antía xa ten dous blogs. O primeiro foi o famoso As viaxes de Pedro Chosco, e o segundo titúlase Los C.S.I. de Antía. Está claro que lle gustan as investigacións, e por iso imaxinou o Nadal en Saidabad. Agora é unha terra un pouco difícil, como xa sabemos, mais a pesar de todo aínda vive xente que celebra esta festa igual que nós.

15/12/15

Unhas fotos para investigar

A piques de acabar o primeiro trimestre deste curso e estas fotos xa parecen antigas. Pero aínda non o son. Porque esas fotografías gardan moitos segredos. Por exemplo, gardan a fermosa colaboración das familias para que todas as investigacións tiveran un resultado tan positivo. Por iso, Ismaíl cre que cada unha delas é a imaxe dunha pequena alegría…

A nosa aula investigadora on PhotoPeach

13/12/15

Feliz Nadal 2015

O primeiro foi Tomás, que fixo a súa postal dixital de Nadal usando o programa MyPaint. Está nos equipos de Abalar e xa o presentamos noutro post. E logo chegou a de Luis, que utilizou o programa Paint que hai en moitos ordenadores. Así que grazas a eses dous traballos extra podemos felicitar dúas veces este Nadal 2015 no que xa estamos…

A postal de Tomás

A postal de Luis

11/12/15

Ismaíl en Saidabad

Durante o mes de novembro do ano 2013 empezamos a falar de Saidabad. Daquela, a nai dun neno chamado Adrián Blanco fixera un descubrimento excepcional: na India existía un lugar que se chamaba así.

Como sabedes, a historia de Ismaíl é longa, e aínda non foi ben contada. Coñecimos algo dos seres diminutos, e nese momento atopamos a aldea de Saidabad, onde viviu o noso Ismaíl. Entón, chegaron á nosa aula varias investigacións sobre ese lugar, que foron moi interesantes.

A orixe da aldea de Ismaíl está en realidade nas terras de Afganistán, en Asia. E máis concretamente na provincia de Vardak, nun distrito que recibe o nome de Saidabad, como a súa propia aldea. Ao parecer, alí comezou todo. E agora, despois de todo isto, creo que podemos entrar no segundo capítulo desta historia: O espello de Nasrudín.

Investigacións sobre Saidabad

8/12/15

Aula investigadora 2

Todo o mundo sabe, máis ou menos, que a nosa clase é moi investigadora. Por iso están desexando coñecer a listaxe dos que máis exploraron nesta segunda fase. E foron: Nerea (2), Andrea Vázquez (1), Lucas (1), Andrea Valeiro (4), Carmen (1), Saúl (1), Mateo (1), Uxía (3), Lucía (1), Daniel Pereiro (1), Estela (2), Ian (1), Tomás (1), Diego (5). As súas exploracións resultaron diversas: Xulio Verne, Hiroshima e Nagasaki, Gianni Rodari, Galileo, as aves, os réptiles, unha canción de Juan Luis Guerra, os invertebrados, Mozart, a cidade romana de Pompeia

Pode que a relación estea incompleta, pero é necesario esforzarse un pouco máis. En Finlandia, que ten unhas escolas moi apreciadas, van deixar os libros para facer investigacións tan completas que sirvan para todas as materias.

Como temos a Xulio Verne na aula, creo que che gustará esta película de animación sobre a famosa Viaxe ao centro da Terra.

3/12/15

Os libros de Xulio Verne

Hai tempo que temos unha exposición con algunhas novelas que foron escritas polo gran Xulio Verne. Eses libros están de maneira temporal na clase, xa que son un préstamo do pai de Estela, que conservou con moito coidado esas historias.

Así que continuaremos o proxecto de lectura dixital que comezamos con Pinocho el astuto, de Rodari. Agora coñeceremos unha famosa novela de Xulio Verne, e estas son as tarefas:

Os libros da exposición

1/12/15

Unha historia de Cunqueiro

O conto de Gianni Rodari foi o inicio de novas tarefas ao redor da lectura e a escritura. Trátase, como xa dixemos, das cartografías imaxinarias para despois de ler. Claro que tamén poderíamos dicir para despois de ver e escoitar, como sucede neste post.

Esta pequena película está baseada nun texto de Álvaro Cunqueiro, e foi creada con figuras de plastilina. Fala dun demo chamado Alistán que sofre un grave desaxuste intestinal, o que lle produce o rexeitamento dos habitantes do bosque. Para resolver o seu cheirento problema, Alistán vai ao médico que lle receita o consumo de ovos de galliña, pero…