31/3/17

A despedida

Este venres foi moi especial. Aurora Fernández, a nosa profesora de Música, xubilouse despois de moitos anos de traballo. Ademais, na nosa aula tamén impartía as Ciencias Sociais e os Valores; así que imaxinaba, aprendía, xogaba e vivía moitas horas ao noso lado.

Sabemos que o luns, cando regresemos ao colexio, será un día diferente. Pero coas letras do seu nome poderemos formar palabras. Con esas palabras organizaremos marabillosas frases. E con esas frases construíremos unha parte dos nosos soños, como ela sempre ensinou.

Grazas, mestra, por todo este tempo de alegría…

29/3/17

Luis aprende en Scratch

Scratch é un sitio para que os nenos aprendan a programar no mundo da informática. Por iso resulta unha aplicación moi interesante, xa que ademas é gratis. Os seus creadores están nun dos máis importantes laboratorios tecnolóxicos do mundo.

Na nosa aula hai xente que xa está rexistrada en Scratch, e programan e resolven traballos informáticos. Un deles é Luis, que sempre que pode mostra algún dos seus proxectos para que aprendamos. Por exemplo…

27/3/17

Máis de 23.000 comentarios

Este blog de aula, nas súas distintas versións, está presente en Internet desde o ano 2008, hai xa moito tempo. Pasaron ministros, conselleiros e algunhas leis educativas, do que parece que non queda moito, pero os alumnos e as alumnas que aquí xogaron e imaxinaron aínda seguen entre nós:

  • no traballo escolar desenvolvido nos cinco blogs de Ismaíl;
  • en todas as historias que contaron meses blogs, e que tamén residen no sitio O dragón e o caldeiro máxico;
  • nos máis de 23.000 comentarios que deixaron mentres viviron no CEIP Isaac Díaz Pardo, o seu colexio.

Hoxe, nós acabamos de chegar aos 3.000 comentarios, que son moitísimos e ben o sabemos. Estamos felices e contentos por todo: polo esforzo e a participación dos nenos, pola colaboración das familias, por Ismaíl. Agora que moitos expertos falan da importancia das emocións na educación, el coñece iso desde hai anos, cando o descubriu en Malpica de Bergantiños, xunto ao mar de fóra...

23/3/17

Contomundi, 5ª etapa

Nesta etapa do proxecto De Contomundi a Saidabad chegamos ao continente africano. Para os antigos exploradores, África foi sempre unha terra imaxinaria, onde había moitos misterios e lugares incribles.

Aproveitaremos o traballo doutros amigos, no blog Escola de Ismaíl 3, porque ademais agora están aquí algunhas das súas irmás, Carla e Lucía. Igual que fixeron antes, empezamos polos montes de Marrocos coa historia A cidade paraíso

Despois, descubre máis historias de África no mapa da Segunda volta ao mundo en 80 contos, que xa coñeces. Busca unha que che interese moito e avísanos, tamén queremos saber.

Preme aquí para ver o mapa máis grande.

22/3/17

Álex e a ciencia

Santiago Ramón y Cajal é un dos dous científicos españois que recibiron o Premio Nobel. Non son moitos, claro, e iso explica a pouca atención que a ciencia sempre tivo aquí, en España. Por iso, esta investigación de Álex foi unha boa idea, pois o coñecemento científico é moi importante…

17/3/17

As voces novas da poesía

Cando falamos do poema de Antón Cortizas titulado Romance do capitán, aquel post quedou algo incompleto. A pesar do fermoso debuxo que fixera Diego, coa Lúa sobre o mar, faltaban os versos da poesía.

Por sorte, agora podemos escoitar esas palabras nas voces de Álex, Luis, Ana, Mateo, Estela e o mesmo Diego. Os versos levan unha música de fondo para que o seu ritmo pareza máis moderno. Ou talvez será que forman un novo grupo musical? Quen sabe…

Preme aquí para escoitar Romance do capitán.

15/3/17

A vida na aula

Asier enviou por correo electrónico unha bonita presentación sobre os seres vivos, que poderás ver se premes aquí. A idea seguro que ten que ver co libro de Ciencias Naturais, pois é algo que estamos a aprender neste momento.

Ademais, no mundo dos contos de Contomundi apareceron dúas historias novas, de Nova Zelanda e de Australia. E Fahrenheit, o monstro que atrapa lectores despistados, reclamou que Luis, Andrea Vázquez, Carla e Candela leran ben certo conto que explica como xurdiron as árbores. No seguinte vídeo está a proba dese reto: ler fronte a unha cámara para o mundo enteiro.

Entrementres, a vida na nosa aula segue adiante e o inverno xa está a piques de rematar…

12/3/17

Aula investigadora 6

Un novo resumo de nosa aula investigadora, que xa vai polo número seis. Nesta ocasión os exploradores foron: Diego (1), Estela (3), Nerea (2), Antía (5), Uxía (8), Tomás (3), Ana (3), Andrea Valeiro (1), Andrea Vázquez (3), Asier (1), Carmen (5), Lucía (1), Erika (2), Álex (6), Lucas (1), Unai (3), Candela (5), Saúl (1).

As investigacións, como outras veces, buscaron temas diversos: o Día da Paz, o embarazo, o lince ibérico, The Beatles, Gloria Fuertes, a quinoa, Thomas Alva Edison, Isaac Díaz Pardo, Ramiro Fonte, Amelia Earhart, os mamíferos, o día da Candelaria, o síndrome de Dióxenes, Pablo Ráez, os planetas de Trappist-1, o dragón de Komodo, o monte Cervino, a elaboración do pan, Romeo e Julieta…

Preme aquí para ver unha presentación de Tomás sobre as enfermidades raras.

8/3/17

Polo mundo adiante

Agora estamos en Contomundi, no mundo dos contos: en Galicia e España, en Canadá, no Brasil, en Nova Zelanda, en Australia. Acompañamos a Ismaíl polo mundo adiante na busca de Saidabad, a súa aldea. Por iso investigamos tanto; e como dixemos ao principio deste blog, imaxinamos, aprendemos, xogamos e vivimos.

Boa viaxe, Ismaíl, sempre estarás connosco…

6/3/17

Como xurdiron as árbores

Unha antiga historia de Nova Zelanda di así:

Ao principio, o Pai Ceo e a Nai Terra estaban preto, moi preto o un da outra, abrazados con gran, gran forza. Estaban tan preto e tan fortemente abrazados que os seus fillos, que vivían entre ambos, apenas podían respirar. Desesperados, estes retorcéronse, empuxaron, presionaron e loitaron ata que conseguiron que o ceo se despegase da terra e afastásese, elevándose cara ao alto, arriba, moi arriba.

Desde alí, o ceo mirou cara abaixo e viu á súa esposa, a terra, libre, fermosa, marrón e suave… pero tan baleira e soa que sentiu avergoñado por deixala atrás, totalmente espida.

De modo que lle confeccionou uns adornos mesturando luz e po, enrolounos para crear troncos e ramas e os curvounos para dar lugar a follas e flores. Combinou o marrón co vermello e o gris co verde; algunhas das súas creacións volvíanse rosas ao florecer, outras eran prateadas e tiñan forma de estrela, e outras posuían froitos dun negro azulado ou dourados. Distribuíu aquelas exquisitas xoias por toda a superficie da terra.

O ceo sentiu feliz e orgulloso ao mirar cara abaixo.

A terra sentiu feliz e orgullosa das súas xoias.

Os adornos sentíronse orgullosos e felices de decorar o chan. Afundiron os seus troncos na terra e elevaron as súas ramas cara ao ceo. E así, ergueitos, permaneceron ata os nosos días.

E foi así, segundo contan, como xurdiron as árbores.


3/3/17

Contomundi, 4ª etapa

Unha vez máis, o noso dado da sorte vai levándonos polos contos e o mundo. Esta vez debemos chegar ata as illas de Oceanía, que están bañadas polo máis grande dos océanos, o Pacífico. É tan inmenso que seguramente precisaremos algo de tempo para atravesalo. Así que empezamos outra aventura en Internet e novas lecturas: