29/11/17

Ata sempre!

É o tempo para a última despedida. Este blog, no que tanto traballamos durante dous cursos, deixará de recibir máis posts ou entradas. Seguramente tampouco publicará máis comentarios, aínda que haberá outro sitio para esa posibilidade. Por certo, non se chama Escola de Ismaíl (6)

27/6/17

Na busca de tesouros novos

A tarta da foto, que nos regalou Patricia, a nai de Lucía, era tan feitiña que daba mágoa acabar con ela. Pero así foi, pois a aventura debe continuar. Non pode haber tempo para os temores. Ademais, o instituto está agardando á volta do verán…

Ismaíl estará viaxando con destino a Saidabad. Ao igual que vós, andará na busca de novos tesouros.

Feliz viaxe!

25/6/17

El final de un blog

Con esta entrada, serán ya 152 las que se publicaron desde el 15 de septiembre de 2015, cuando se presentó el primer post. Haciendo unos cálculos rápidos, resulta una media de casi 7 entradas al mes durante los 22 meses de vida de este blog de aula. Eso quiere decir que aquí hay mucho trabajo voluntario y desinteresado, muchas horas de dedicación fuera del horario escolar. A pesar de ello, quizás también haya en el ambiente una sensación agridulce…

22/6/17

Ismaíl despídese

Aínda que a Ismaíl foi invitado a asistir ao acto da graduación de sexto, non se atreveu. Sempre foi un tímido, e agora máis. Pero quero que saiba algunas das palabras que dixen alí, tamén no seu nome:

Un sabio francés escribiu que somos contadores de contos, que vivimos rodeados polas nosas historias e as historias dos demais, que vemos todo o que nos pasa a través delas e que intentamos vivir a nosa propia vida como se estivésemos contando un conto.

Se as cousas funcionan desa maneira, que así o parece, só teño que dicir que foi una bonita historia esta que mañá rematará, e que eu lembrarei sempre...

Por suposto, Ismaíl, se chega a Saidabad, tamén lembrará esta historia tan fermosa.

7/6/17

Contomundi, 7ª etapa

Aínda que nun post anterior falamos das aventuras de Ulises, faltaba unha última entrada para o proxecto De Contomundi a Saidabad.

Sabemos que a vixe de Ismaíl ata o centro de Asia, o seu destino final, está a piques de rematar. Agora estamos con el en Turquía, e tamén coa historia dunha princesa silenciosa. Ese pais sitúase en dous continentes: en Europa e en Asia. É a porta para entrar nas terras orixinarias de Ismaíl.

Con esta princesa silenciosa, o noso amigo xa pensa no final da súa viaxe e na despedida. A partir de hoxe, o camiño que che falte para rematar o teu libro terás que andalo por ti mesmo. Non agardarás por ninguén. Por exemplo, deberás visitar o enlace da Segunda volta ao munto en 80 contos e escoller máis historias de Asia que che gusten. Así, nunca estarás só no teu camiño, pois Ismaíl sempre viaxará contigo…

6/6/17

Soños para a Terra

A nosa árbore da vida xa está feita e preparada. Agora só agardamos a colaboración das familias para engadir os seus compromisos, porque o coidado da Terra debe un obxectivo común de todos os que vivimos neste mundo.

4/6/17

O Día Mundial do Medio Ambiente

Desde 1973, cada 5 de xuño celébrase o Día Mundial do Medio Ambiente. Este ano, segundo as últimas noticias, a situación do planeta parece un pouco enrevesada e o cambio climático xa é unha ameaza evidente.

Por iso, o 22 de abril, o Día da Terra, acordamos facer unha árbore da vida para que a nosa defensa do planeta resultase ben visible. Ao final, despois de contar o noso proxecto, esa árbore encheuse con compromisos de todos os alumnos de quinto e de sexto.

Agora daremos un paso máis: invitaremos ás familias para que participen, se así o consideran. Para nós será un orgullo lograr esa colaboración… Animaste?

23/5/17

Aula investigadora 7

Presentamos o resumo número 7 desta aula investigadora, que empezou no mes de outubro do ano 2015. Esta vez a listaxe de exploradores é a seguinte: Uxía (7), Asier (3), Carmen (1), Candela (3), Saúl (9), Lucía (3), Álex (3), Dani Pereiro (2), Tomás (2), Unai (7), Ana (2), Andea Valeiro (3), Antía (1), Nerea (1), Carla (2), Mateo (2), Elías (1), Luis (3), Andrea Vázquez (2), Lucas (1), Diego (1).

Ao igual que nos outros resumos, os temas foron moi diversos: o Síndrome de Down, a fauna de Galicia, Santiago Ramón y Cajal, as cancións da nosa infancia, Helena de Troia, Gloria Fuertes, o ADN, o autismo, a ciencia, os dinosaurios máis coñecidos, Thomas Alva Edison, Clash Royale, a NBA, Greenpeace, Nikola Tesla, o Día do Libro, o Día das Letras Galegas, e moitas cousas máis.

De paso, e como os mitos e as lendas forman parte do mundo de Ismaíl, aquí tes unha sorpresa. Trátase dunha versión das aventuras de Ulises, o rei grego que foi guerreiro e viaxeiro. Observa, escoita e aprende, pois logo haberá que facer algo para Contomundi

18/5/17

De Carlos Casares

Este ano o Día das Letras Galegas adicouse ao escritor Carlos Casares, como xa sabes. Hai certas tarefas que non remataches e que tes que realizar. Os mesmos autores, o Seminario Galán (Arteixo), tamén prepararon algunhas actividades en liña: preme aquí.

9/5/17

Contomundi, 6ª etapa

Na viaxe con Ismaíl, de Contomundi a Saidabad, aínda estamos en África, a terra da princesa Malaika. Esta historia será o noso segundo conto nese continente, xunto aos baobabs ou árbores da vida e con moitas máis historias que poderás coñecer e investigar.

4/5/17

Ismaíl tamén está en Scratch

Nun post anterior mostramos os nomes dos compañeiros e compañeiras que xa traballan con Scratch. Por se non o lembras, aquí están todos os seus proxectos:

Se tamén estás intentando programar con Scratch, indica os teus datos e comparte o que fas… Queremos aprender! Ah, neste enlace podes saber máis.

1/5/17

Asier e as arañas

A semana pasada, o punto de acceso a Internet de aula, que é do proxecto Abalar, apareceu cheo de arañas. Eran pequeniñas pois acaban de nacer, pero ameazaban con ocupar toda a clase. Con esos ingredientes que parecían do noso Taboleiro Fantástico, Asier imaxinou e escribiu esta historia.

LAS ARAÑAS DEL ROUTER

Había una vez una araña que estaba embarazada. Entonces, esa araña puso sus huevos en el router de nuestra clase.

Un día, el profe Mario descubrió que estaban allí las arañas, pero que había un problema. Se trataba de unas arañas venenosas. Así que intentamos acabar con ellas, y eso hicimos. Aunque no supimos que quedaron algunas, y las arañas se hicieron mayores y pusieron más huevos…

[Preme para ler máis]

26/4/17

Os fantásticos libros voadores

Pasou o Día do Libro, pero no colexio facemos unha celebración especial de intercambio de libros e de lectura. E como o cine sempre colaborou coa literatura infantil, presentamos un fermoso vídeo que gañou un montón de premios en moitos concursos: Os Fantásticos Libros Voadores do Sr. Morris Lessmore. Trátase dunha curtametraxe dirixida polo autor e ilustrador William Joyce, e conta unha entretida e apaixonante historia das persoas que dedican a súa vida aos libros.

Ismaíl agarda que che guste. Tamén espera que poidas realizar algunhas destas actividades

24/4/17

A Árbore da Vida

Na historia de Ismaíl o diminuto aparecía unha árbore da vida, que naquel momento imaxinaron e debuxaron Lucas e Carla. Pero agora trátase doutra árbore distinta, que está relacionada co planeta no que vives.

Hai xa tempo, Ismaíl participou nunha experiencia que apreciou moitìsimo. Noutro colexio, con outros nenos e nenas, en Malpica, construíron un carballo que estaba cheo de follas con compromisos persoais para defender a nosa Terra. Aquel carballo, que era sagrado para os antigos habitantes de Galicia, foi unha árbore da vida como a que está na imaxe. Porque as mensaxes que había nas súas follas contiñan palabras de esperanza e de futuro.

Antes de regrese á súa aldea de Saidabad, e como unha maneira de celebrar os seus 20 anos entre nós, quere sentir novas sensacións con ese proxecto que tanto valorou… Anímaste?

22/4/17

Os libros da Terra

Por se non o sabes, o 22 de abril é o Día da Terra… Como se di na Wikipedia, trátase dun día para render homenaxe ao noso planeta e recoñecer á Terra como o noso fogar e a nosa nai. E o 23 de abril celébrase o Día Internacional do Libro. A unión dos libros e a Terra sempre resulta interesante, así que aquí tes 3 suxerencias. Aínda que non son libros recentes, están de actualidade pois o noso planeta cada día parece máis en perigo:

19/4/17

Clash Royale e Scratch

Nesta entrada aparece outra publicación de Pequenos xornalistas. Esta vez foron Mateo, Asier e Luis os que se decidiron a participar de maneira voluntaria. Por iso preparon un texto sobre un xogo que aprecian moito: Clash Royale. Se premes aquí, poderás ler o seu interesante traballo.

Ademais, como xa temos a diversos investigadores no sitio de Scratch, tamén presentamos os seus nomes para que vexas os proxectos nos que están a experimentar. Son os seguintes:

  • Luis, como luigiman11.
  • Uxía, como churrasco21.
  • Tomás, como tomasmir10.
  • Elías, como Eliland.

[Mateo, Asier, Luis]

6/4/17

Le e xoga con Gianni Rodari

O libro Contos para xogar foi escrito por Gianni Rodari. Está formado por 20 historias breves, pero cada unha ten tres finais, a escoller por cada lector ou lectora.

Nesta actividade deberás elixir e ler unha das historias dese libro, e logo seleccionar o final que máis che guste. Despois farás a túa propia cartografía para comprender ben esa historia. Lembra que a lectura é a nosa maneira de loitar contra Fahrenheit, o monstro devorador de libros e lectores.

Así que sen máis que dicir, aquí está o libro enteiro:

P.D.: Se che gusta a lectura dixital, tes que sabes que esta versión de Contos para xogar pertence ao sitio Libros del Rincón. Hai moitos máis libros para investigar…

3/4/17

Poesía na primavera

A primavera serviu sempre de inspiración para a poesía, como podes comprobar nestes fermosos haikus. Así que deberás ir ao enlace da nosa gramática poética para lembrar os diversos tipos de estrofas e poemas. Usa as túas propias ideas, por exemplo as palabras para Aurora, e constrúe os mellores versos para esta estación do ano. Se che resulta difícil ou as ideas non veñen, busca outro tema para as túas estrofas.

O espazo exterior, o Universo, está aí fóra. É inmenso, tan grande que non é doado de explicar. Hai estrelas, hai planetas e moitos obxectos astronómicos diferentes. Un fotógrafo, con centos de imaxes de Marte, elaborou un pequeno vídeo como se viaxara ata alí nunha nave espacial. Agora iso é imposible para os humanos, e non sabemos cando poderemos viaxar a ese planeta. Pero o seu vídeo semella unha poesía fotográfica. Talvez che sirva de inspiración para esta actividade…

31/3/17

A despedida

Este venres foi moi especial. Aurora Fernández, a nosa profesora de Música, xubilouse despois de moitos anos de traballo. Ademais, na nosa aula tamén impartía as Ciencias Sociais e os Valores; así que imaxinaba, aprendía, xogaba e vivía moitas horas ao noso lado.

Sabemos que o luns, cando regresemos ao colexio, será un día diferente. Pero coas letras do seu nome poderemos formar palabras. Con esas palabras organizaremos marabillosas frases. E con esas frases construíremos unha parte dos nosos soños, como ela sempre ensinou.

Grazas, mestra, por todo este tempo de alegría…

29/3/17

Luis aprende en Scratch

Scratch é un sitio para que os nenos aprendan a programar no mundo da informática. Por iso resulta unha aplicación moi interesante, xa que ademas é gratis. Os seus creadores están nun dos máis importantes laboratorios tecnolóxicos do mundo.

Na nosa aula hai xente que xa está rexistrada en Scratch, e programan e resolven traballos informáticos. Un deles é Luis, que sempre que pode mostra algún dos seus proxectos para que aprendamos. Por exemplo…

27/3/17

Máis de 23.000 comentarios

Este blog de aula, nas súas distintas versións, está presente en Internet desde o ano 2008, hai xa moito tempo. Pasaron ministros, conselleiros e algunhas leis educativas, do que parece que non queda moito, pero os alumnos e as alumnas que aquí xogaron e imaxinaron aínda seguen entre nós:

  • no traballo escolar desenvolvido nos cinco blogs de Ismaíl;
  • en todas as historias que contaron meses blogs, e que tamén residen no sitio O dragón e o caldeiro máxico;
  • nos máis de 23.000 comentarios que deixaron mentres viviron no CEIP Isaac Díaz Pardo, o seu colexio.

Hoxe, nós acabamos de chegar aos 3.000 comentarios, que son moitísimos e ben o sabemos. Estamos felices e contentos por todo: polo esforzo e a participación dos nenos, pola colaboración das familias, por Ismaíl. Agora que moitos expertos falan da importancia das emocións na educación, el coñece iso desde hai anos, cando o descubriu en Malpica de Bergantiños, xunto ao mar de fóra...

23/3/17

Contomundi, 5ª etapa

Nesta etapa do proxecto De Contomundi a Saidabad chegamos ao continente africano. Para os antigos exploradores, África foi sempre unha terra imaxinaria, onde había moitos misterios e lugares incribles.

Aproveitaremos o traballo doutros amigos, no blog Escola de Ismaíl 3, porque ademais agora están aquí algunhas das súas irmás, Carla e Lucía. Igual que fixeron antes, empezamos polos montes de Marrocos coa historia A cidade paraíso

Despois, descubre máis historias de África no mapa da Segunda volta ao mundo en 80 contos, que xa coñeces. Busca unha que che interese moito e avísanos, tamén queremos saber.

Preme aquí para ver o mapa máis grande.

22/3/17

Álex e a ciencia

Santiago Ramón y Cajal é un dos dous científicos españois que recibiron o Premio Nobel. Non son moitos, claro, e iso explica a pouca atención que a ciencia sempre tivo aquí, en España. Por iso, esta investigación de Álex foi unha boa idea, pois o coñecemento científico é moi importante…

17/3/17

As voces novas da poesía

Cando falamos do poema de Antón Cortizas titulado Romance do capitán, aquel post quedou algo incompleto. A pesar do fermoso debuxo que fixera Diego, coa Lúa sobre o mar, faltaban os versos da poesía.

Por sorte, agora podemos escoitar esas palabras nas voces de Álex, Luis, Ana, Mateo, Estela e o mesmo Diego. Os versos levan unha música de fondo para que o seu ritmo pareza máis moderno. Ou talvez será que forman un novo grupo musical? Quen sabe…

Preme aquí para escoitar Romance do capitán.

15/3/17

A vida na aula

Asier enviou por correo electrónico unha bonita presentación sobre os seres vivos, que poderás ver se premes aquí. A idea seguro que ten que ver co libro de Ciencias Naturais, pois é algo que estamos a aprender neste momento.

Ademais, no mundo dos contos de Contomundi apareceron dúas historias novas, de Nova Zelanda e de Australia. E Fahrenheit, o monstro que atrapa lectores despistados, reclamou que Luis, Andrea Vázquez, Carla e Candela leran ben certo conto que explica como xurdiron as árbores. No seguinte vídeo está a proba dese reto: ler fronte a unha cámara para o mundo enteiro.

Entrementres, a vida na nosa aula segue adiante e o inverno xa está a piques de rematar…

12/3/17

Aula investigadora 6

Un novo resumo de nosa aula investigadora, que xa vai polo número seis. Nesta ocasión os exploradores foron: Diego (1), Estela (3), Nerea (2), Antía (5), Uxía (8), Tomás (3), Ana (3), Andrea Valeiro (1), Andrea Vázquez (3), Asier (1), Carmen (5), Lucía (1), Erika (2), Álex (6), Lucas (1), Unai (3), Candela (5), Saúl (1).

As investigacións, como outras veces, buscaron temas diversos: o Día da Paz, o embarazo, o lince ibérico, The Beatles, Gloria Fuertes, a quinoa, Thomas Alva Edison, Isaac Díaz Pardo, Ramiro Fonte, Amelia Earhart, os mamíferos, o día da Candelaria, o síndrome de Dióxenes, Pablo Ráez, os planetas de Trappist-1, o dragón de Komodo, o monte Cervino, a elaboración do pan, Romeo e Julieta…

Preme aquí para ver unha presentación de Tomás sobre as enfermidades raras.

8/3/17

Polo mundo adiante

Agora estamos en Contomundi, no mundo dos contos: en Galicia e España, en Canadá, no Brasil, en Nova Zelanda, en Australia. Acompañamos a Ismaíl polo mundo adiante na busca de Saidabad, a súa aldea. Por iso investigamos tanto; e como dixemos ao principio deste blog, imaxinamos, aprendemos, xogamos e vivimos.

Boa viaxe, Ismaíl, sempre estarás connosco…

6/3/17

Como xurdiron as árbores

Unha antiga historia de Nova Zelanda di así:

Ao principio, o Pai Ceo e a Nai Terra estaban preto, moi preto o un da outra, abrazados con gran, gran forza. Estaban tan preto e tan fortemente abrazados que os seus fillos, que vivían entre ambos, apenas podían respirar. Desesperados, estes retorcéronse, empuxaron, presionaron e loitaron ata que conseguiron que o ceo se despegase da terra e afastásese, elevándose cara ao alto, arriba, moi arriba.

Desde alí, o ceo mirou cara abaixo e viu á súa esposa, a terra, libre, fermosa, marrón e suave… pero tan baleira e soa que sentiu avergoñado por deixala atrás, totalmente espida.

De modo que lle confeccionou uns adornos mesturando luz e po, enrolounos para crear troncos e ramas e os curvounos para dar lugar a follas e flores. Combinou o marrón co vermello e o gris co verde; algunhas das súas creacións volvíanse rosas ao florecer, outras eran prateadas e tiñan forma de estrela, e outras posuían froitos dun negro azulado ou dourados. Distribuíu aquelas exquisitas xoias por toda a superficie da terra.

O ceo sentiu feliz e orgulloso ao mirar cara abaixo.

A terra sentiu feliz e orgullosa das súas xoias.

Os adornos sentíronse orgullosos e felices de decorar o chan. Afundiron os seus troncos na terra e elevaron as súas ramas cara ao ceo. E así, ergueitos, permaneceron ata os nosos días.

E foi así, segundo contan, como xurdiron as árbores.


3/3/17

Contomundi, 4ª etapa

Unha vez máis, o noso dado da sorte vai levándonos polos contos e o mundo. Esta vez debemos chegar ata as illas de Oceanía, que están bañadas polo máis grande dos océanos, o Pacífico. É tan inmenso que seguramente precisaremos algo de tempo para atravesalo. Así que empezamos outra aventura en Internet e novas lecturas:

22/2/17

O romance do capitán Diego

O poema O romance do capitán, de Antón Cortizas, foi aprendido e recitado na clase, porque a gramática tamén é poesía. Agora que xa escribimos pareados e tercetos, cuartetos e cuartetas, haikus e acrósticos, é un bo momento para lembrar aquela poesía. Diego fixo un debuxo moi fermoso con eses versos, e por iso terá que explicar na clase o que quixo contar…

16/2/17

Os versos do noso mundo

A nosa Aula de poesía non para, porque os versos nacen para encher o mundo de palabras sentidas. Empezamos con pareados e tercetos, con cuartetos e cuartetas, con haikus. E agora queremos aprender cos acrósticos e as coplas.

Debes premer neses enlaces para xogar coa linguaxe poética e crear os teus versos e poemas. Para facer os acrósticos, utiliza estes recursos:

  1. Que é un acróstico?
  2. Exemplos de acrósticos.

Por último, non esquezas nunca que unha boa Gramática da poesía ten que usar sempre as mellores ideas. Así fixemos, por exemplo, para imaxinar e construír algúns fermosos haikus. Preme aquí para velos

14/2/17

O noso colexio

Un novo traballo do proxecto Pequenos xornalistas, que esta vez trata algúns asuntos do noso colexio, o CEIP Isaac Díaz Pardo. Este traballo consta de tres partes:

[Autoras: Uxía, Estela, Candela, Lucía]

6/2/17

Mannequin Challenge Roald Dahl

Un día chegou Unai e dixo que podiamos facer o reto do Mannequin Challenge, que xa empezaba a ter fama. Pareceume unha boa idea, sobre todo se ese reto estaba no noso proxecto de lectura ao redor de Roald Dahl. Así que agardamos un pouco, ata que rematase o centenario do nacemento do autor, e por fin levámolo a cabo.

Son tan bos actores, que non fixeron ningunha proba antes. Realizamos unha única gravación e aquí está o vídeo que o demostra. Por iso podemos dicir que o noso reto foi superado, despois de ler tantos libros e de marabillarnos coas historias de Roald Dahl.

3/2/17

O haiku na escola

O haiku é un pequeno poema creado pola literatura xaponesa. Está formado por tres versos: o primeiro, de cinco sílabas; o segundo, de sete; e o terceiro e último, de cinco sílabas outra vez. Así, con esa forma, cada haiku parece contar e describir con rapidez situacións, paisaxes, ou momentos da vida diaria.

Vexamos os primeiros haiku da nosa Aula de poesía

O meu gatiño
branco como a neve
é adorable.
(Carla)

Noite perfecta
co ceo estrelado,
moita beleza.
(Ana)

Números brancos,
amarelos e roxos
e pequeniños.
(Erika)

A paz e o amor
chegarán cando deixes
de pensar en ti.
(Lucía)

A miña vida
é unha fermosura,
vou pasalo ben.
(Álex)

Na miña casa
divertímonos moito
xogando todos.
(Luis)

Aquel golfiño
que surcaba as ondas
daquel mar azul.
(Uxía)

Gústame España,
que ten o mellor fútbol,
iso gústame.
(Diego)

31/1/17

Contomundi, 3ª etapa

Esta vez o noso dado da sorte quixo levarnos ao centro e ao sur de América, a Hispanoamérica. Por iso, as historias que descubriremos serán dúas: As Doncelas do Millo (México, en América Central); e O monstro silbador (Brasil, en América do Sur). Están publicados nun libro que xa coñeces: Nuestros cuentos favoritos del mundo entero.

Ademais, pouquiño a pouco haberá máis contos que poderás ler. Por exemplo, todos os que aparecen na obra Cuentos populares de Iberoamérica, da escritora Carmen Bravo-Villasante. E tamén saberás doutros en mapas como o que se presenta neste post. Preme aquí para velo máis grande.

29/1/17

Sempre Roald Dahl

Durante o pasado trimestre, os libros de Roald Dahl estiveron moi presentes na nosa aula. Celebramos así os 100 anos do nacemento do autor de Matilda, de Charlie e doutras medicinas marabillosas.

Fixemos unha listaxe de 15 títulos que podiamos conseguir e ler, con libros que se compartían libremente. Os datos rexistrados indican que logramos unhas 105 lecturas individuais, e resolven que cada neno e nena leu de media uns 4 libros desa relación. Noraboa, rapaces!

Onde queira que estea, creo que Roald Dahl botará un sorriso cómplice cando o saiba…

26/1/17

Tomás viaxa ata Canadá

No proxecto De Contomundi a Saidabad chegamos ás terras de América do Norte. Fomos ata alí coa historia A chegada de Corvo, un conto do pobo inuit que vive no país de Canadá. Por esa razón, Tomás decidiu investigar un pouco sobre esa nación e aquí está o que descubriu…

Preme para ver a presentación.

22/1/17

Contomundi, 2ª etapa

Hai moitos anos Ismaíl chegou a Galicia desde a aldea de Saidabad, no centro de Asia. Agora, despois de tanto tempo, quere regresar alí para saber o que pasou e o que queda das súas orixes. Neste camiño de volta usamos o azar e a sorte, en forma dun dado de oito caras, para avanzar. Cada vez que se tira ese dado, como mínimo temos unha historia para coñecer y un lugar ao que ir.

  1. Os dous irmáns foi a historia dos inicios do proxecto, a partir de Malpica de Bergantiños e a Costa da Morte, en Galicia, en España. De paso, tamén rematamos o cómic de Guillermo Tell, que estaba pendente desde o pasado curso. 
  2. Durante a primeira etapa, descubrimos e contamos máis contos populares galegos do libro Lenda Viva.
  3. E nesta segunda etapa, o azar enviounos ás terras de Canadá: A chegada de Corvo é un conto publicado en Nuestros cuentos favoritos del mundo entero. Trátase dun bonito e interesante libro, pois moitas historias boas están en libros fermosos.

Para rematar, un vídeo sobre a marabilla de contar historias nesta época de tecnoloxía e modernidade. Porque a pesar diso, as historias non poden desaparecer xamais…

A contar historias! on PhotoPeach

18/1/17

Un poeta dos nosos

Luis xa utilizou os recursos da Gramática da poesía, e foi de maneira voluntaria. A pesar diso, elaborou un poema ben feito e moi interesante. Aquí está…

Érase una vez en clase
un ser llamado Ismaíl,
a un cordón logró atarse
para no caer por un raíl.

Nadie sabe cómo pasó,
quizás corrió y arrasó,
o tal vez iba despistadillo
viendo el móvil de su vecinillo.

No, no se lo había robado,
solo se lo tomó prestado;
y de mascota tiene un gato
que vio en la tele un asesinato.

Un día quedó con un amigo,
fue por la calle andando,
pero se olvidó el abrigo
y acabó acatarrado cenando.

Qué lástima por no ir al cole,
con todos sus amigos riendo,
y él sentado bajo un roble,
y cofres supermágicos abriendo...

14/1/17

Gramática da poesía

Nesta gramática aprenderás cos versos e as estrofas, coas poesías e as cancións, cos abecedarios e as formas das letras. E tamén xogarás coas palabras e as súas imaxes, como os acrósticos e os caligramas. Pero a poesía necesita unha actitude diferente. Así que pecha un pouco os ollos e abre a porta da túa mente. Entra. Imaxina. Busca ideas e palabras especiais. Palabras coa súa propia forza: nomes, adxectivos, verbos…

O primeiro que tes que facer é ler e aprender, como xa estamos a realizar na clase. Aquí tes máis materiais para que entres na poesía:

10/1/17

A reprodución humana

Un tema moi importante, pois mediante a reprodución existe a vida neste mundo. E lembra que o curso segue e que aínda debes esforzarte…