26/4/17

Os fantásticos libros voadores

Pasou o Día do Libro, pero no colexio facemos unha celebración especial de intercambio de libros e de lectura. E como o cine sempre colaborou coa literatura infantil, presentamos un fermoso vídeo que gañou un montón de premios en moitos concursos: Os Fantásticos Libros Voadores do Sr. Morris Lessmore. Trátase dunha curtametraxe dirixida polo autor e ilustrador William Joyce, e conta unha entretida e apaixonante historia das persoas que dedican a súa vida aos libros.

Ismaíl agarda que che guste. Tamén espera que poidas realizar algunhas destas actividades

24/4/17

A Árbore da Vida

Na historia de Ismaíl o diminuto aparecía unha árbore da vida, que naquel momento imaxinaron e debuxaron Lucas e Carla. Pero agora trátase doutra árbore distinta, que está relacionada co planeta no que vives.

Hai xa tempo, Ismaíl participou nunha experiencia que apreciou moitìsimo. Noutro colexio, con outros nenos e nenas, en Malpica, construíron un carballo que estaba cheo de follas con compromisos persoais para defender a nosa Terra. Aquel carballo, que era sagrado para os antigos habitantes de Galicia, foi unha árbore da vida como a que está na imaxe. Porque as mensaxes que había nas súas follas contiñan palabras de esperanza e de futuro.

Antes de regrese á súa aldea de Saidabad, e como unha maneira de celebrar os seus 20 anos entre nós, quere sentir novas sensacións con ese proxecto que tanto valorou… Anímaste?

22/4/17

Os libros da Terra

Por se non o sabes, o 22 de abril é o Día da Terra… Como se di na Wikipedia, trátase dun día para render homenaxe ao noso planeta e recoñecer á Terra como o noso fogar e a nosa nai. E o 23 de abril celébrase o Día Internacional do Libro. A unión dos libros e a Terra sempre resulta interesante, así que aquí tes 3 suxerencias. Aínda que non son libros recentes, están de actualidade pois o noso planeta cada día parece máis en perigo:

19/4/17

Clash Royale e Scratch

Nesta entrada aparece outra publicación de Pequenos xornalistas. Esta vez foron Mateo, Asier e Luis os que se decidiron a participar de maneira voluntaria. Por iso preparon un texto sobre un xogo que aprecian moito: Clash Royale. Se premes aquí, poderás ler o seu interesante traballo.

Ademais, como xa temos a diversos investigadores no sitio de Scratch, tamén presentamos os seus nomes para que vexas os proxectos nos que están a experimentar. Son os seguintes:

  • Luis, como luigiman11.
  • Uxía, como churrasco21.
  • Tomás, como tomasmir10.
  • Elías, como Eliland.

[Mateo, Asier, Luis]

6/4/17

Le e xoga con Gianni Rodari

O libro Contos para xogar foi escrito por Gianni Rodari. Está formado por 20 historias breves, pero cada unha ten tres finais, a escoller por cada lector ou lectora.

Nesta actividade deberás elixir e ler unha das historias dese libro, e logo seleccionar o final que máis che guste. Despois farás a túa propia cartografía para comprender ben esa historia. Lembra que a lectura é a nosa maneira de loitar contra Fahrenheit, o monstro devorador de libros e lectores.

Así que sen máis que dicir, aquí está o libro enteiro:

P.D.: Se che gusta a lectura dixital, tes que sabes que esta versión de Contos para xogar pertence ao sitio Libros del Rincón. Hai moitos máis libros para investigar…

3/4/17

Poesía na primavera

A primavera serviu sempre de inspiración para a poesía, como podes comprobar nestes fermosos haikus. Así que deberás ir ao enlace da nosa gramática poética para lembrar os diversos tipos de estrofas e poemas. Usa as túas propias ideas, por exemplo as palabras para Aurora, e constrúe os mellores versos para esta estación do ano. Se che resulta difícil ou as ideas non veñen, busca outro tema para as túas estrofas.

O espazo exterior, o Universo, está aí fóra. É inmenso, tan grande que non é doado de explicar. Hai estrelas, hai planetas e moitos obxectos astronómicos diferentes. Un fotógrafo, con centos de imaxes de Marte, elaborou un pequeno vídeo como se viaxara ata alí nunha nave espacial. Agora iso é imposible para os humanos, e non sabemos cando poderemos viaxar a ese planeta. Pero o seu vídeo semella unha poesía fotográfica. Talvez che sirva de inspiración para esta actividade…