27/10/16

Guía do Taboleiro Fantástico

Durante miles de anos, homes e mulleres de todas as terras e culturas encargáronse de tecer, con palabras e soños, os contos do mundo. E nós, con moita humildade, estamos xogando a inventar historias a partir do noso Caldeiro Máxico. Primeiro, coas fórmulas marabillosas; agora, cun taboleiro fantástico.

Imaxina que un conto non é máis que un taboleiro construído a partir de catro columnas básicas: personaxes, lugares, situacións e obxectos. Cada columna do taboleiro posúe un idéntico número de espazos baleiros. Imaxina que se enchen cun vocabulario especial, con palabras que pertencen ao mundo dos contos. Así é o taboleiro fantástico, un artefacto lingüístico para imaxinar historias.

Na escola falamos das matemáticas ou das ciencias naturais. Pero tamén hai unha faceta máis: a imaxinación e a creatividade. O desenvolvemento da creatividade lingüística é moi importante, porque, por exemplo, permite avanzar nas capacidades de dedución, abstracción e reflexión. Por iso, se escolles unha palabra de cada un dos catro grupos deste taboleiro, poderás construír un montón de historias. Só é necesario atopar os personaxes máis apropiados, os lugares máis especiais, e os obxectos e as situacións máis atractivas para inventalas…

25/10/16

Ismaíl no Samaín

A celebración dos 20 anos de Ismaíl en Galicia está sendo moi proveitosa. Seguen aparecendo novas historias, e cada unha coa súa propia marabilla. Primeiro foi Carmen con ¿Qué sería del blog de Ismaíl sin él?; despois chegou Tomás con A Biografía de Ismaíl; e agora é Uxía a que presenta outro conto. Anímate e déixate levar pola lectura…

Certo día de outubro, cando Mario aínda daba clases os nenos e nenas de 6ºB, Ismaíl foi invitado á festa de disfraces do Samaín da súa clase. Todos ían ir vestidos de trasnos, meigas, monstros, e ata había un grupo que ía ir vestido da Santa Compaña. Que divertido!!!!!

[Preme para ler máis]

23/10/16

Os aparellos dixestivo e respiratorio

O máis importante do primeiro tema de Ciencias Naturais aparece resumido neste post. Utilízao para aprender mellor.

20/10/16

Primeira biografía (non oficial) de Ismaíl

Creo que Carmen abriu unha nova vía para as investigacións de aula: a vida e as aventuras de Ismaíl. Agora foron Tomas e Luis os que se puxeron a descubrir, e por suposto que o conseguiron. Tomás presenta, por exemplo, a primeira biografía non oficial deste ser máxico. E Luis publica un debuxo incrible e descoñecido sobre a Guerra das Galaxias ou Star Wars…, onde tamén estaba Ismaíl! Por iso estamos un pouco abraiados.

Tomás escribiu:

Ismaíl é un gnomo de 2.618 anos que veu desde un lugar remoto da India chamado Saidabad. Esa aldea era un lugar máxico, porque toda persoa boa que pasaba por alí, convertíase nun gnomo máxico. Ismaíl naceu alí un 21 de setembro…

[Preme para ler máis]

Luis debuxou:

19/10/16

Pequenos xornalistas

Con este post ou entrada iniciamos un novo proxecto: Pequenos periodistas. Trátase de que no blog tamén escriban e colaboren eles, os nenos e nenas que o fan posible. Primeiro fixeron unha listaxe de posibles ideas para escribir como se foran novos periodistas; agora, traballando en grupo, empezamos a publicar…

CANDO CHEGA O OUTONO…

O outono é a estación entre o verán e o inverno.

No hemisferio norte comeza o 21 de setembro e acaba o 21 de decembro, aproximadamente. No hemisferio sur comeza o 21 de marzo e acaba o 21 de xuño. Nas árbores de folla caduca cambia a cor desas follas, ata que secan e caen.

No outono hai varias celebracións, por exemplo o Samaín e o Día de Todos os Santos. No noso colexio, no Samaín facemos un concurso de cabazas, e gañan as mellores. Tamén celebramos o Magosto, onde comemos moitas castañas.

O QUE MÁIS NOS GUSTA DO OUTONO é… saltar as moreas de follas!!!

[Autores: Carmen, Nerea, Luis, Daniel Pereiro]

17/10/16

As fórmulas da marabilla

Normalmente, os contos empezan cunha frase que serve para iniciar a historia. Son as fórmulas marabillosas ou da marabilla. Porque resulta marabilloso saber que unhas determinadas palabras fixan o camiño para comprender o que escoitamos ou lemos. Así, poderemos orientarnos mellor na estrutura do conto e sen perder o fío do que se conta.

Hai moitas fórmulas para empezar e rematar as historias, e nós, grazas ao Caldeiro Máxico, xa temos a nosa propia selección. En todo caso, aquel que imaxina un conto está no seu dereito de adaptar calquera fórmula marabillosa, sen importar o país ou a cultura de onde veña. Incluso é libre para inventar novas fórmulas a partir de libros, de películas, de cancións, etc.

Fórmulas de inicio: Era unha vez…; Había unha vez…; Nun lugar remoto…; Hai moito, no tempo dos soños…; No inverno, na época da lúa chea…; Nun tempo no que a Terra aínda era nova…; Certo día…; Hai moitos centos de anos…; Noutros tempos máis antigos…; Érase que se era…; Vivía unha vez…; Nos tempos de María Castaña…; Para saber e contar e contar para aprender…; Hai moito tempo, cando os animais aínda falaban…; Hai moitos anos, cando o mundo estaba formándose…; Había unha vez, nun vello país…; Hai moito tempo, cando as galiñas tiñan dentes…; Aínda que é difícil de crer, unha vez pasou…

Fórmulas de final: Foron felices, comeron moitas perdices e a min déronme coa porta nos narices. - E viviron felices moitos anos. - E colorín colorete, pola cheminea vai un foguete. - E viviron felices para sempre. - E viviron felices ata o final dos seus días. - Colorín colorado, este conto xa está acabado. - E así será para sempre. - Entón, o galo cantou e este conto rematou. - Acabouse o conto e levouno o vento…

15/10/16

Dylan chegou ao ceo dos Premios Nobel

O día antes de que ao artista americano Bob Dylan se lle concedese o Premio Nobel de Literatura 2016, falamos da súa música na aula. Que coincidencia! Díxenlles que é o único cantante que escoito desde sempre, desde que era un mozo, hai xa anos.

Iso sucedeu porque acababa de mostrarlles un libro ilustrado por Paul Rogers a partir dunha das cancións de Dylan: Forever young, ou Xove para sempre. Este vídeo non contén nin todo o libro ni a canción enteira, pero se premes aquí podes escoitala ben. Aproveitando a ocasión, falamos da música e os gustos musicais, e tamén da vida, claro…

Noraboa, Bob Dylan!

13/10/16

¿Qué sería del blog de Ismaíl sin él?

Hoy fue una buena mañana. Por fin, después de mucho tiempo, alguien de la clase descubrió una nueva historia de Ismaíl que aún no se conocía. Fue Carmen quien la contó, y creo que todos nos quedamos igual de sorprendidos. Ella la leyó en voz alta, y luego cada uno hizo su propia lectura individual. El encanto resultó completo, pues se trataba de un cuento muy bonito, que nos gustó y nos hizo sonreir mucho.

Esta es la historia… Ah, la imagen digital es una creación de Tomás.

Era festivo, y como Mario no tenía que ir a trabajar con sus niños de 6ºB (¡qué alivio, un día sin escuchar las risas de Tomás, de Álex y de Carmen!) abrió su blog. ¡Y se encontró un post que él no había escrito! Era de Ismaíl, qué raro…

“Hola Mario. Llevo ya 20 años contigo en la escuela, y siempre en Primaria. Creo que ya he aprendido lo suficiente para ir al instituto. Sé poner bien los acentos, los puntos y las mayúsculas; pinto y dibujo muy bien; y ya no tengo faltas en los dictados. Me sé de memoria todas tus fichas y hago los pentóminos con los ojos cerrados. Y me da igual las cifras que me pongas en las divisiones, porque me salen todas bien. ¡Así que me cambio a un blog de mayores! ¡Un beso muy fuerte para ti y para todos los niños!”…

[Pulsa para leer más]

6/10/16

Felicidades por todas as historias!

Como se dixo no anterior post, a aparición dos blogs educativos fixeron medrar o número de historias nas que Ismaíl era o protagonista. Xa é tan grande que resulta difícil saber cantas son agora mesmo. Talvez non teña importancia. O importante é que podemos celebrar os 20 anos da súa chegada cun fermoso debuxo… Grazas, Ana!

1/10/16

20 anos con Ismaíl

Como xa contei noutro post, este é o curso da celebración dos 20 anos de Ismaíl en Galicia. Así que hoxe quero lembrar como empezou todo, por se acaso Ismaíl decide un día regresar á súa terra. Se iso ocorre, creo que esta clase terá un encargo moi importante: gardar a súa memoria. Poderás facer esa tarefa?

  • No ano 1997, en Malpica de Bergantiños, unha boa porteira de fútbol que se chamaba Vanesa escribiu o conto O pobre Ismaíl. Ninguén coñecía esa historia, nin o mestre, e foi unha sorpresa incrible ese descubrimento.
  • Entre os anos 1998 e 2001, outros nenos e nenas adiviñaron máis historias novas. Por esa razón, a vida de Ismaíl empezou a ser coñecida e valorada en moitos sitios.
  • Durante os anos 2002 e 2004 seguiron aparecendo outras historias e máis misterios. Por exemplo, chegou a Internet e Ismaíl tivo a súa propia páxina web para estar nese mundo.
  • A partir do ano 2005, Ismaíl coñeceu o noso colexio, na Ría do Burgo (Culleredo), xa que con moita tristeza deixara o pobo de Malpica. As súas historias continuaron e a súa web seguiu medrando ata o ano 2008, máis ou menos.
  • E desde o ano 2009 ata a actualidade, todo cambiou coa aparición dos blogs. Como sabes, o seu, Escola de Ismaíl, xa vai pola súa quinta edición. Con eles aumentou o número de contos e de aventuras, pois agora son case interminables. Por iso, un sitio que se chama O dragón e o Caldeiro Máxico intenta recoller os feitos que os seus amigos e amigas descubren en forma de novas historias.
  • Por último, non esquezas o desafío que trae este post… Serás capaz de contarnos algunha historia de Ismaíl que aínda non estea descuberta?