20/12/16

A avoa de Uxía

Con esta presentación de Uxía, podemos descubrir algo que sabe facer moi ben a súa avoa: a maneira tradicional de facer o pan. E por se non coñeces o seu sabor, quen proba os distintos tipos de pan feitos deste xeito, sempre queda marabillado.

As nosas felicitación para a avoa de Uxía. Por certo, en que aldea vive?

18/12/16

Aula investigadora (5)

Antes de rematar o primeiro trimestre, faltaba un post sobre a nosa aula investigadora, que será o número cinco. Como sempre, os temas foron variados: a leucemia, o alzheimer, Roald Dahl, os Beatles, a Costa da Morte, a praia da Lanzada, etc. E estes foron os investigadores: Diego (1), Estela (2), Candela (5), Álex (1), Asier (1), Mateo (1), Antía (2), Unai (5), Tomás (4), Uxía (6), Daniel Pena (1), Luis (3), Carmen (2), Ian (1), Saúl (2), Erika (1), Nerea (1), Andrea Vázquez (1), Lucas (2).

Como en xuño deixamos unha historia no caixón, agora servirá para o proxecto De Contomundi a Saidabad. Trátase do conto de Guillermo Tell, e así poderás investigar a cordilleira dos Alpes e un país chamado Suíza, entre outras posibilidades…

15/12/16

Rosalía de Castro

Naceu na madrugada do 24 de febreiro de 1837 en Santiago de Compostela. Foi filla natural dun sacerdote chamado José Martínez Viejo e de María Teresa de la Cruz Castro y Abadía, unha señora de boa familia pero de escasos recursos económicos.

Por iso, ata cumprir os oito anos, Rosalía estivo baixo a custodia da súa tía paterna Teresa Martínez Viejo, na aldea de Castro de Ortoño. Cando foi muller, casou co escritor Manuel Murguía. Rosalía tamén escribiu poesías e novelas, e é considerada unha das máis grandes escritoras en lingua galega.

Morreu o 15 de xullo de 1885 aos corenta e cinco anos de idade en Padrón, na provincia da Coruña.

Se queres saber máis cousas, preme aquí para ver una presentación.

[Autores: Andrea Vázquez, Antía, Ana, Asier]

ESPECIAL: Como o Nadal xa está aquí, visita este post de Ítaca, Aula TIC para pasalo ben facendo cousas…

12/12/16

Contomundi, 1ª etapa

A que pode ser a última viaxe de Ismaíl está en marcha, pois iso é o que significa De Contomundi a Saidabad. Despois da historia Os dous irmáns, que apareceu no post anterior, exploraremos algúns dos contos de Galicia. De momento, o que tes que facer é o seguinte:

  1. En Somos LENDA VIVA escolle un dos quince contos que contén ese sitio. Busca un que che guste, porque será a túa historia.
  2. Cando o teñas ben lido, pide unha galaxia de palabras. É o que precisarás para facer a cartografía dese conto.
  3. Tamén deberás preparar un resumo. As boas historias merecen ser contadas, e ti deberás facelo…

6/12/16

De Contomundi a Saidabad

Hai xa varios anos, creo que foi no 2008, Ismaíl participou nunha aventura chamada Contomundi. Despois, esa palabra orixinou un blog que durante un tempo falou de contos e outras historias. Ademais, alí tamén foi explicada esa aventura, onde participaron os irmáns maiores de Ana e Candela.

Anos máis tarde, no 2013, apareceu outra palabra importante, Saidabad, a pequena aldea de Ismaíl. E eses dous nomes, Contomundi e Saidabad, forman parte da historia de Ismaíl neste colexio de Culleredo. Agora sabemos que desexa regresar a ese lugar que está tan afastado de aquí. Pero para poder realizar esa viaxe necesita a túa axuda e a túa forza.

De Contomundi a Saidabad será un proxecto de historias, e por iso tamén de lectura, escritura e aprendizaxe dixital. Mentres Ismaíl empeza o seu camiño de volta, ti descubrirás contos do mundo e o mundo dos contos: desde os libros, os ordenadores e as tabletas, desde a nosa aula e tamén desde a túa casa. O primeiro conto comeza en Galicia, na Costa da Morte (A Coruña), e titúlase Os dous irmáns. Os demais virán pouquiño a pouco, porque o máis valioso de calquera viaxe son as historias que se poden compartir…