22/2/17

O romance do capitán Diego

O poema O romance do capitán, de Antón Cortizas, foi aprendido e recitado na clase, porque a gramática tamén é poesía. Agora que xa escribimos pareados e tercetos, cuartetos e cuartetas, haikus e acrósticos, é un bo momento para lembrar aquela poesía. Diego fixo un debuxo moi fermoso con eses versos, e por iso terá que explicar na clase o que quixo contar…

16/2/17

Os versos do noso mundo

A nosa Aula de poesía non para, porque os versos nacen para encher o mundo de palabras sentidas. Empezamos con pareados e tercetos, con cuartetos e cuartetas, con haikus. E agora queremos aprender cos acrósticos e as coplas.

Debes premer neses enlaces para xogar coa linguaxe poética e crear os teus versos e poemas. Para facer os acrósticos, utiliza estes recursos:

  1. Que é un acróstico?
  2. Exemplos de acrósticos.

Por último, non esquezas nunca que unha boa Gramática da poesía ten que usar sempre as mellores ideas. Así fixemos, por exemplo, para imaxinar e construír algúns fermosos haikus. Preme aquí para velos…

14/2/17

O noso colexio

Un novo traballo do proxecto Pequenos xornalistas, que esta vez trata algúns asuntos do noso colexio, o CEIP Isaac Díaz Pardo. Este traballo consta de tres partes:

[Autoras: Uxía, Estela, Candela, Lucía]

6/2/17

Mannequin Challenge Roald Dahl

Un día chegou Unai e dixo que podiamos facer o reto do Mannequin Challenge, que xa empezaba a ter fama. Pareceume unha boa idea, sobre todo se ese reto estaba no noso proxecto de lectura ao redor de Roald Dahl. Así que agardamos un pouco, ata que rematase o centenario do nacemento do autor, e por fin levámolo a cabo.

Son tan bos actores, que non fixeron ningunha proba antes. Realizamos unha única gravación e aquí está o vídeo que o demostra. Por iso podemos dicir que o noso reto foi superado, despois de ler tantos libros e de marabillarnos coas historias de Roald Dahl.

3/2/17

O haiku na escola

O haiku é un pequeno poema creado pola literatura xaponesa. Está formado por tres versos: o primeiro, de cinco sílabas; o segundo, de sete; e o terceiro e último, de cinco sílabas outra vez. Así, con esa forma, cada haiku parece contar e describir con rapidez situacións, paisaxes, ou momentos da vida diaria.

Vexamos os primeiros haiku da nosa Aula de poesía…

O meu gatiño
branco como a neve
é adorable.
(Carla)

Noite perfecta
co ceo estrelado,
moita beleza.
(Ana)

Números brancos,
amarelos e roxos
e pequeniños.
(Erika)

A paz e o amor
chegarán cando deixes
de pensar en ti.
(Lucía)

A miña vida
é unha fermosura,
vou pasalo ben.
(Álex)

Na miña casa
divertímonos moito
xogando todos.
(Luis)

Aquel golfiño
que surcaba as ondas
daquel mar azul.
(Uxía)

Gústame España,
que ten o mellor fútbol,
iso gústame.
(Diego)

31/1/17

Contomundi, 3ª etapa

Esta vez o noso dado da sorte quixo levarnos ao centro e ao sur de América, a Hispanoamérica. Por iso, as historias que descubriremos serán dúas: As Doncelas do Millo (México, en América Central); e O monstro silbador (Brasil, en América do Sur). Están publicados nun libro que xa coñeces: Nuestros cuentos favoritos del mundo entero.

Ademais, pouquiño a pouco haberá máis contos que poderás ler. Por exemplo, todos os que aparecen na obra Cuentos populares de Iberoamérica, da escritora Carmen Bravo-Villasante. E tamén saberás doutros en mapas como o que se presenta neste post. Preme aquí para velo máis grande.

29/1/17

Sempre Roald Dahl

Durante o pasado trimestre, os libros de Roald Dahl estiveron moi presentes na nosa aula. Celebramos así os 100 anos do nacemento do autor de Matilda, de Charlie e doutras medicinas marabillosas.

Fixemos unha listaxe de 15 títulos que podiamos conseguir e ler, con libros que se compartían libremente. Os datos rexistrados indican que logramos unhas 105 lecturas individuais, e resolven que cada neno e nena leu de media uns 4 libros desa relación. Noraboa, rapaces!

Onde queira que estea, creo que Roald Dahl botará un sorriso cómplice cando o saiba…