Durante miles de anos, homes e mulleres de todas as terras e culturas encargáronse de tecer, con palabras e soños, os contos do mundo. E nós, con moita humildade, estamos xogando a inventar historias a partir do noso Caldeiro Máxico. Primeiro, coas fórmulas marabillosas; agora, cun taboleiro fantástico.
Imaxina que un conto non é máis que un taboleiro construído a partir de catro columnas básicas: personaxes, lugares, situacións e obxectos. Cada columna do taboleiro posúe un idéntico número de espazos baleiros. Imaxina que se enchen cun vocabulario especial, con palabras que pertencen ao mundo dos contos. Así é o taboleiro fantástico, un artefacto lingüístico para imaxinar historias.
Na escola falamos das matemáticas ou das ciencias naturais. Pero tamén hai unha faceta máis: a imaxinación e a creatividade. O desenvolvemento da creatividade lingüística é moi importante, porque, por exemplo, permite avanzar nas capacidades de dedución, abstracción e reflexión. Por iso, se escolles unha palabra de cada un dos catro grupos deste taboleiro, poderás construír un montón de historias. Só é necesario atopar os personaxes máis apropiados, os lugares máis especiais, e os obxectos e as situacións máis atractivas para inventalas…