Normalmente, os contos empezan cunha frase que serve para iniciar a historia. Son as fórmulas marabillosas ou da marabilla. Porque resulta marabilloso saber que unhas determinadas palabras fixan o camiño para comprender o que escoitamos ou lemos. Así, poderemos orientarnos mellor na estrutura do conto e sen perder o fío do que se conta.
Hai moitas fórmulas para empezar e rematar as historias, e nós, grazas ao Caldeiro Máxico, xa temos a nosa propia selección. En todo caso, aquel que imaxina un conto está no seu dereito de adaptar calquera fórmula marabillosa, sen importar o país ou a cultura de onde veña. Incluso é libre para inventar novas fórmulas a partir de libros, de películas, de cancións, etc.
Fórmulas de inicio: Era unha vez…; Había unha vez…; Nun lugar remoto…; Hai moito, no tempo dos soños…; No inverno, na época da lúa chea…; Nun tempo no que a Terra aínda era nova…; Certo día…; Hai moitos centos de anos…; Noutros tempos máis antigos…; Érase que se era…; Vivía unha vez…; Nos tempos de María Castaña…; Para saber e contar e contar para aprender…; Hai moito tempo, cando os animais aínda falaban…; Hai moitos anos, cando o mundo estaba formándose…; Había unha vez, nun vello país…; Hai moito tempo, cando as galiñas tiñan dentes…; Aínda que é difícil de crer, unha vez pasou…
Fórmulas de final: Foron felices, comeron moitas perdices e a min déronme coa porta nos narices. - E viviron felices moitos anos. - E colorín colorete, pola cheminea vai un foguete. - E viviron felices para sempre. - E viviron felices ata o final dos seus días. - Colorín colorado, este conto xa está acabado. - E así será para sempre. - Entón, o galo cantou e este conto rematou. - Acabouse o conto e levouno o vento…